search instagram arrow-down

Novas

Francisco Javier Sánchez Cantón (1891-1971)

Historiador, nado en Pontevedra o 14 de xullo de 1891. Estudou o bacharelato no Instituto de Pontevedra e, posteriormente, Filosofía e Letras na chamada Universidade Central de Madrid, obtendo o Premio Extraordinario de Licenciatura e o Rivadeneira da Real Academia Española. En 1913 doutoróuse coa tese titulada Los pintores de cámara de los Reyes de España, dirixida por Elías Tormo; este, xunto con Menéndez Pidal, Cayo Ortega e Gómez Moreno foron fundamentais na súa formación. Ao rematar os seus estudos comeza a colaborar no Centro de Estudos Históricos de Madrid -integrado dende 1940 no CSIC como Instituto Diego Velázquez- e nos arquivos do Palacio Real e do Museo do Prado. Tamén por esta época ocupará na universidade madrileña a praza de profesor auxiliar de Historia e a cátedra de Literatura Galaico-Portuguesa, vacante polo pasamento do tamén pontevedrés, Víctor Said Armesto.

_H9A0056

Arquivo persoal. © Museo de Pontevedra

En 1919 inicia a catalogación das pinturas do Instituto Valencia de Don Juan. Pouco despois, en 1922, gaña por oposición a cátedra de Teoría da Literatura e as Artes na Universidade de Granada, logo de ter sido profesor auxiliar en 1917-1918 e 1920-1921. Posteriormente, en 1943, accedeu por concurso á cátedra de Historia Xeral da Arte na Universidade de Madrid, sendo decano da Facultade de Filosofía e Letras dende 1950 ata 1958, ano no que é nomeado vicerreitor.

En 1922 é nomeado subdirector do Museo Nacional do Prado, institución que, como sucesor do pintor ferrolán, Fernando Álvarez de Sotomayor, dirixe dende 1960 a 1968, etapa na que realizará un importante labor de reorganización das salas. Especialmente salientable é o seu traballo no Prado durante a Guerra Civil, xa que aínda que en setembro de 1936 o Goberno da IIª República nomeara a Pablo Ruíz Picasso como director, o pintor non chega a tomar posesión do cargo e foi Sánchez Cantón o que actuou como director en funcións, e como tal programa nos primeiros días da contenda as medidas de protección das obras perante os previsíbeis bombardeos á pinacoteca. Aínda que totalmente contrario a aprobar a evacuación das obras mestras do Museo, xa que consideraba maior risco para a integridade das mesmas unha viaxe en condicións tan precarias que a súa permanencia en Madrid, finalmente será o responsábel da clasificación, protección e organización dos convois que, en novembro de 1936, evacúan dende o Madrid asediado cara a Valencia máis de 2000 cadros, a case totalidade da colección de tapices e gran cantidade de obxectos artísticos. Finalizado o conflito, Sánchez Cantón terá tamén unha responsabilidade directa e fundamental no difícil regreso de todas as obras en setembro de 1939, xa iniciada a Segunda Guerra Mundial, dende o Palacio das Nacións de Xenebra, onde foran trasladadas dende Valencia nos últimos días da Guerra Civil.

En 1925 ingresou na Real Academia de Belas Artes de San Fernando co descurso San Francisco de Asís en la escultura española; en 1934 na de Historia e en 1949 na Real Academia Española, dándose o caso excepcional de que entre 1966 e 1969 dirixiu simultáneamente as dúas primeiras.

Nomeado doutor Honoris Causa da Universidade de Lund (Suecia), en 1960 presidiu, ademais, a Junta de Iconografía Nacional e foi nomeado protector da Fundación Lázaro Galdiano, vicedirector do Instituto Diego Velázquez de Historia da Arte, presidente da Junta Técnica de Conservación y Restauración de Obras de Arte (1962), inspector xeral de museos (1963) e vicepresidente do Consejo Nacional de Educación.

Autor dunha copiosa bibliografía composta por máis de oitocentos títulos que destaca, ademais de por poemas e ata algunha novela, fundamentalmente pola súa obra erudita, que se pode clasificar en investigacións literarias e bibliográficas e estudos histórico-artísticos e biográficos (sobre todo referentes ao Museo do Prado, Velázquez e Goya) coma: Los retratos en el Museo del Prado (1919), Los tapices de la Casa del Rey (1919), en colaboración con Tormo, Fuentes literarias para la Historia del Arte Español (5 vols., 1923-43), Dibujos de antiguos maestros españoles (1933) e Los dibujos de Goya (2 vols., 1952), entre outros; así como monografías e artigos de tema galego.

SCanton-Sotomayor

Retrato pintado por Sotomayor. © Museo de Pontevedra

Viaxeiro e traballador incansable, aínda que establecido profesionalmente en Madrid, mantívose ata o final da súa vida en permanente contacto con Galiza e moi especialmente con Pontevedra —cidade que en 1950 lle concede a Medalla de Ouro e cuxa deputación o declara fillo predilecto da provincia— promovendo publicacións en galego e investigando temas literarios, biográficos, artísticos e históricos. Prologou en galego obras de Ramón Cabanillas e Agustín Portela Paz, e con Castelao, con quen mantivo unha íntima amizade, dirixiu persoalmente a coidadísima edición do álbum Nós. Promoveu e tamén colaborou con institucións e iniciativas musicais coma o curso internacional Música en Compostela e, especialmente, coa Coral Polifónica de Pontevedra, e en 1943, xunto con outros membros do extinguido Seminario de Estudios Galegos, entre outros Xesús Carro García, Cordero Carrete, Otero Pedrayo, Bouza Brey e Xosé Filgueira Valverde, crea o Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento, no que, ademais de dirixir a primeira xunta da entidade se encarga da dirección da sección de Bibliografía e Publicación. Foi tamén o primeiro presidente e orientador da Sociedade dos Bibliófilos Galegos e iniciador da Fundación Pastor de Estudios Clásicos.

En 1927, xunto con Daniel de la Sota, Casto Sampedro Folgar, Castelao, Losada Diéguez, José Millán, Enrique López de la Ballina, Raimundo Riestra e Filgueira Valverde -entre outros-, foi un dos patróns fundadores do Museo de Pontevedra e unha das persoas que máis contribuíu ao seu desenvolvemento posterior. A súa participación será transcendental, xa que xunto con Castelao foi un dos ideólogos do proxecto, sentando as bases das coleccións e mesmo da restauración de elementos arquitectónicos do edifico Castro Monteagudo, primeiro co que contou o Museo de Pontevedra. Nomeado director honorario en 1940, tamén será fundamental o apoio que lle brindou ao museo ao utilizar os seus contactos dende todos os seus cargos en distintas institucións, e mesmo tras o seu falecemento, que tivo lugar en Pontevedra en 1971, ao realizar un importante legado testamentario no que destaca especialmente o seu arquivo persoal e a súa biblioteca, que pola súa natureza ten un valor incalculable.

O arquivo persoal, sobre o que pesaba unha disposición no testamento redactado en 1963 que fixo que estivese precintado ata tempo despois do seu pasamento, abrangue todas as facetas persoais e profesionais de Sánchez Cantón. Son numerosísimos os orixinais de traballos propios sobre Velázquez, Goya e outros temas de historia da arte. Por outra banda, a correspondencia configura un riquísimo material para coñecer aspectos da súa vida, das súas relacións e do seu traballo cotián, así como da súa implicación en proxectos culturais de diversa índole. Ademais dun abondoso arquivo gráfico, conta tamén cunha importante colección de materiais recompilados sobre outros autores, entre os que destacamos as cartas autógrafas de Frei Martín Sarmiento a Doña Constanza de Lemos y Valcárcel, doadas xa en vida, ou o lote de 19 cartas de Manuel Murguía a Carlos Ramón Fort, director da Real Academia da Historia, a finais do século XIX.

Outra mención especial merece a súa magnífica biblioteca formada por 15000 volumes. Trátase dunha biblioteca especializada en arte, adquirida ao longo dos anos para exercer o seu labor profesional —que conta con exemplares únicos, como un dicionario de Nebrija, editado en 1550— e que constitúe unha excepcional fonte de información, especialmente no apartado correspondente á bibliografía de Goya.

Ernesto Vázquez-Rey e Farto

Advertisements