O Plenario da AMUPo decide abrir dúas Comisións de Investigación

A AMUPo celebrou o pasado venres, 31 de marzo, o seu II Plenario extraordinario e o I Plenario ordinario no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra, conducido por Ernesto Vázquez-Rey, secretario xeral da entidade.

A entidade ratificou a Valentín García Bóveda como tesoureiro, após a renuncia de María Pousada, ocorrida no mes de febreiro, polas “discrepancias existentes cos membros da actual Xunta Directiva“. Do mesmo xeito, tomóuse o acordo de elixir a composición de varios órganos colexiados: a Comisión do Estatuto das Amigas e Amigos do Museo, que velará pola compatibilidade dos membros da AMUPo nos cargos que desempeñen, a Comisión do Regulamento, que estudará as modificacións normativas que sexan precisas, e a Comisión de Peticións e Participación Cidadá, que ten como finalidade a relación directa coa cidadanía e as súas demandas, dentro do ámbito de actuación da entidade.

Tarxetón Plenario AMUPo
Cartel do Plenario da AMUPo.

O Plenario tamén decidiu abrir dúas comisións de investigación que xa foran propostas polo Consello Reitor: a Comisión de Investigación sobre as obras da denominada “Mazá Cultural da Deputación de Pontevedra”, que se concreta nas obras do sexto Edificio e na rehabilitación do Edificio Sarmiento, e a Comisión de Investigación sobre a unificación e integración dos arquivos e bibliotecas do Museo de Pontevedra e o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, que analizará as irregularidades cometidas no proceso posto en marcha na anterior etapa de goberno, baixo a dirección política de Rafael Louzán e Ana Isabel Vázquez.

Asimesmo, sometéronse a aprobación o informe de actividade e as contas do ano 2016, así como o orzamento previsto para 2017 e o plano de actividades que, entre outras, contén a celebración duns seminarios monográficos sobre o Pazo de Lourizán e a creación dunha publicación web.

Vázquez-Rey expresou o agradecemento da dirección a todas aquelas persoas e entidades que participan ou colaboran coa AMUPo, engadindo: “en liñas xerais, estamos traballando ben. Na Sección de Patrimonio e Bens Culturais estamos centrados en presentar o Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán á maior brevidade, como principio dunha actividade que non vai parar aquí. Temos xente formada, ideas e ganas de levalas a cabo, e iso é o fundamental.“.

O Plenario tamén apostou por manter unha relación máis intensa coa Deputación Provincial de Pontevedra, á fin de tender pontes con esta institución, se ben “o Museo é unha institución independente da Deputación, xa que así foi creado en 1927 e así o refire a moción fundacional ao expresar que a Deputación crea o Museo de Pontevedra baixo os seus auspicios, é dicir, coa súa colaboración, non baixo o seu xugo”, como insistíu o secretario xeral.