A AMUPo pide cautela na rehabilitación do conxunto fortificado de Salvaterra de Miño

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) vén de solicitar personarse en tódolos expedientes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que afecten ao conxunto fortificado de Salvaterra de Miño.

O Consello Reitor da entidade tomou esta decisión logo de coñecer o expediente de contratación tramitado polo Concello de Salvaterra de Miño para a instalación do Museo da Enoloxía do Condado do Tea nas denominadas Covas de Dona Urraca.

 

Dende a Sección de Patrimonio e Bens Culturais da AMUPo sinálase a inadecuación das obras e do proxecto expositivo ao histórico conxunto, tendo en conta as anteriores intervencións municipais na fortificación, como o Museo do Viño Condado do Tea no Pazo do Conde, que non tivo continuidade temporal e non está aberto ao público.

No mesmo sentido, a entidade quere sinalar que o Castelo de Salvaterra de Miño, con todos os edificios que o conforman son un Ben de Interese Cultural, en virtude do artigo 88.1.a) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, polo que concorre no Concello de Salvaterra de Miño un deber de conservación coa maior protección, así como un dereito de visitas públicas que se incumpre reiteradamente.


Imaxe destacada: Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra.