search instagram arrow-down

Novas

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra

O Museo de Pontevedra precisa o apoio da sociedade, á que está aberto, sen excepción. Por isto convidamos a particulares, institucións e empresas amantes da cultura e da arte a participaren da súa longa historia.

Nun breve resumo:

O Museo de Pontevedra abríu as súas portas ao público o 10 de agosto de 1929, logo da aprobación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dunha moción dous anos antes.

Coa vontade de completar o labor levado a cabo pola Sociedad Arqueológica de Pontevedra, e coa disolución desta en 1937, o Museo recibíu unha extraordinaria colección de pezas arqueolóxicas, obras de arte e fondos documentais, bibliográficos e fotográficos.

Dende un primeiro momento exhibíronse nas salas do Edificio Castro Monteagudo -e posteriormente, tamén do García Flórez- obras depositadas polo Museo del Prado, e o crecemento das coleccións, ben pola incorporación de novos edificios ou pola ampliación dos xa existentes, foi unha constante que se mantén ata a actualidade.

Mención propia merecen:

  • A instalación das Salas Navais, en colaboración co Museo Naval de Madrid e coas irmás Concha e María Mendoza Babiano, sobriñas-netas do contraalmirante pontevedrés, Casto Méndez Núñez, en 1943.
  • O ingreso das obras de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, incautadas por decisión xudicial, en 1951.
  • A compra de dúas esculturas de profetas, procedentes da fachada exterior do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, aos condes de Ximonde, en 1956.
  • A doazón en metálico de José Fernández López para a adquisición dun díptico de Adriaen Isenbrandt.
  •  A doazón da extraordinaria colección de olaría tradicional galega de Luciano García Alén e María García Ayaso.
  • A compra da colección SODESCO, composta por 313 pinturas de autores/as galegos/as e, sobre todo, foráneos, de entre os séculos XV e XX, con obras estelares -entre outros- de Pedro de Berruguete, Van der Hamen, Camprobín, Sorolla, Casas, Rusiñol, Beruete ou Julia Minguillón, en 1994.
  • O depósito -en 1995- do soberbio conxunto de pratería civil reunido por Gonzalo Fernández de la Mora e Mon, composto de 650 pezas de entre os séculos XV e XIX, que se converteu en doazón en 2002.

Deste xeito, a listaxe de adquisicións e depósitos de obra no Museo de Pontevedra vese complementada por grandes mecenas -ademáis dos citados anteriormente- como Antonio Pastor, Juan López Suárez e Mariana Castillejo, José E. Domínguez Casáis, Víctor Sánchez Mesas e Sofía Fernández de Tejada, Pilar Pintos, os condes de Bugallal, os herdeiros de Sebastián González e de Carlos Romero de Lecea ou os condes de Malvar, entre outros moitos particulares e entidades benfeitoras.

Axúdanos a conservar e difundir esta excepcional colección pública e goza das vantaxes de ser Amiga ou Amigo do Museo de Pontevedra!

 

Advertisements