O Palacete

A familia Méndez Núñez tiña residido en distintos puntos xeográficos de Galicia e O Bierzo, especialmente ao inicio do matrimonio de José Méndez e Tomasa Núñez; o que explica que o nacemento da súa descendencia se producira en localidades como Vilafranca, Marín ou Vigo.

Máis tarde a familia instalóuse definitivamente en Pontevedra, na casona alugada aos Muruais na céntrica rúa de Don Gonzalo, coñecida como a “Casa do Arco” -da que falaremos-. En 1877 Soledad Méndez Núñez mandou adquirir un soar no vello barrio de Santa María, encargándolle ao arquitecto municipal, Alejandro Rodríguez-Sesmero González, a construción dun inmoble que servira como residencia definitiva da familia na capital.

Torre maior do Pazo arcebispal en Santa María (Pontevedra). Anónimo, s/d, Arquivo gráfico, Museo de Pontevedra.

Na contorna da basílica de Santa María perdurou, ata mediados do século XIX, a torre maior do conxunto denominado “Torres Arcebispais” ou “Torres dos Churruchaos“. Coa súa demolición o soar pasou a ser propiedade municipal, sendo vendido en subasta pública a Francisco Antonio Riestra Vallaure. O novo dono, logo de parcelar o terreo, vendéulle unha das tres parcelas resultantes a José Babiano, quen actuaba como representante da súa cuñada, Soledad Méndez Núñez.

Así, Rodríguez-Sesmero, director facultativo de obras municipais, deseñou un palacete urbano dividido en tres plantas e unha terraza cuberta, que edificou no prazo dun ano e medio e onde se trasladaron as irmás Soledad e Clara Méndez Núñez, o marido desta, José Babiano, e a única filla de ambos, Carmen Babiano Méndez-Núñez, aínda solteira.

En 1882 Carmen Babiano contraeu matrimonio co médico Víctor de Mendoza, que máis tarde sería concelleiro e alcalde en Pontevedra. Deste enlace nacerían as dúas últimas propietarias habitantes do palacete familiar: María e Concha de Mendoza Babiano.

Chalet Méndez Núñez en Santa María (Pontevedra). Anónimo, s/d, Servizo de Patrimonio documental e bibliográfico, Deputación provincial de Pontevedra.

O edificio, construído ao mesmo tempo que a Casa do Concello, incorpora encadres clasicistas con motivos ornamentais nas portas, fiestras e cornixas, resaltando a influencia francesa do conxunto que, ao tempo, era considerado como un “Hôtel” ou “Chalet“.

Hotel Méndez Núñez. Foto Pintos, s/d, Arquivo gráfico, Museo de Pontevedra.