Ribadavia (Ourense), 1833 – Pontevedra, 4.IV.1912. Notario e político.
Nacido na vila ourensá de Ribadavia en 1833 viu dirixidos os seus estudos cara o Dereito, preparando as probas da carreira notarial entre 1853 e 1855.
O 5 de outubro de 1856 casou con Matilde Temes Trujeda, asentándose na vila de Pontevedra, onde comeza a exercer como notario e secretario do Xulgado de 1ª Instancia da cidade dende 1859. En poucos anos sería designado interino de actuaciones do Xulgado de Facenda da vila, onde exercería ata finais da década de 1860. Instalado na casa número 5 da rúa da Ponte, na que estaba a súa Notaría, foi o encargado da regularización documental da redención de censos e foros, o que lle deu moita relevancia social naquela altura.
Precisamente froito da súa posición na vila, tomou parte na política municipal, dentro da corrente republicana, entrando na Corporación como primeiro tenente de alcalde en 1868. Mantería o cargo nas dúas eleccións de 1869, pasando a ser concelleiro raso logo das eleccións de 1870. Nesta experiencia política formou parte das comisións de Policía urbana, Rural, Abastos, Pesas e medidas e Goberno; e nelas vivíu de perto a integración no de Pontevedra dos concellos de Salcedo, Alba e Mourente; a autorización para a utilización da pedra da Torre dos Churruchaos na ampliación da Casa Consistorial; o peche do Lazareto da Illa de Tambo; a instalación dunha casa de maternidade no ex Convento de Santa Clara e ata a formalización dun convenio coa Deputación provincial para a compra ao Estado deste inmoble.
En 1872 presentóuse ás eleccións parciais a Cortes, polo distrito de Ponte Caldelas, na circunscrición de Pontevedra; sendo elixido deputado sen oposición, en substitución de Laureano Figuerola. Repetiría como deputado, polo mesmo distrito, nas eleccións de 1873, quedando fóra das Cortes logo das eleccións de 1879.
A saída de García Escudero da política institucional non o relegou da actividade pública. En 1881 presidíu, como líder do grupo de demócratas progresistas, o Banquete democrático de Pontevedra, no que tamén participaron personaxes como Andrés Muruais, Indalecio Armesto, Manuel María Puga ou Heliodoro Cid. No mesmo ano, xunto a José María Berasategui, José Casal e Lois, Heliodoro Fernández Gastañaduy, José Riestra, Cándido Landa, Ángel Limeses, Joaquín González e Ramón Vázquez Garza, constituíu -como vicepresidente- a Liga de Contribuyentes.
As ferventes conviccións católicas de García Escudero maniféstanse nas reiteradas suscricións para a celebración das festas na honra da Virxe Peregrina, así como na fundación da Asociación de Nuestra Señora de los Dolores na Igrexa de San Francisco. Logo do pasamento de Dolores Montero-Ríos Villegas, a súa familia encargou unha nova talla da Virxe das Dores co rostro da finada; instalándose un camarín para a imaxe na casa de García Escudero. Dende alí, na rúa da Ponte, saía a imaxe en procesión, cara a Igrexa de San Francisco, para a realización da función das Dores, da que participaban anualmente o viúvo Eduardo Vincenti e o director do Instituto de Pontevedra, Emilio Álvarez Jiménez.
En 1886 o propio Vincenti propuxo a creación da Asociación de Amigos del País de Pontevedra, como ferramenta para a mellora económica, social e cultural da provincia. Neste novo proxecto García Escudero foi proposto para a comisión fundacional da entidade, da que foi vogal e presidente da Sección de intereses generales.
Durante o seu matrimonio adquiríu moitas propiedades, tanto na vila de Pontevedra, como nas parroquias e concellos limítrofes. Destaca a súa aposta pola producción vitivinícola na Granxa do Areeiro, na parroquia de Lourizán, onde mantivo unha segunda residencia e se chegaron a comercializar durante décadas os viños alí elaborados, malia ter sufrido algún episodio vandálico no que lle foron cortadas grande parte das viñas.
Xunto co seu amigo Eugenio Montero Ríos e Francisco Arosa González foi copropietario da Illa de Tambo, na ría de Pontevedra. En 1889 os tres cederían ao Estado español a titularidade da illa para a instalación dunha Penitenciaría militar, sendo agasallados polo Concello de Pontevedra na toma de posesión dos terreos polo Estado.
García Escudero tamén foi mecenas de novos proxectos empresariais e culturais, apadriñando a iniciativa de Aguas de Mondariz, fundada polos irmáns Peinador, deixándolles fondos para contratar as primeiras partidas de botellas; ou apoiando a construción do monumento homenaxe aos Héroes de Puente Sampayo.
Na última parte da súa carreira tiña o despacho profesional aberto no baixo do número 38 da rúa Riestra, onde traballaba xunto cos notarios Antero López de Segovia e José Calleja e Courel; cuxa sociedade se disolve en 1912, outorgando a súa última escritura o 2 de abril.
Finalmente, Valentín García Escudero falece o 4 de abril de 1912, deixando viúva a Matilde Temes, que o sobreviviría ata decembro de 1918. O matrimonio deixou por fillos a Valentín, Florinda, Elvira, María e Matilde García Temes; tendo falecido previamente -o 6 de febreiro de 1910- a súa filla Adela, tras unha longa enfermidade.
Bibliografía: SOTELO RESURRECCIÓN, Enrique: Pontevedra, 1840-1915, Deputación Provincial de Pontevedra, 1997; VÁZQUEZ-REY, Ernesto e COLLADO RODRÍGUEZ, Noelia: “A derradeira vontade de Eugenio Montero Ríos” en Quórum: Revista de Artes, Letras e Ciencias Sociais e Xurídicas, 2018, núm. 1; VÁZQUEZ-REY, Ernesto: Relación xurada e valorada de todos os bens restantes ao falecemento de D. Valentín García Escudero, Obarrio Montenegro Editora, 2022; Boletín Oficial da Provincia de Lugo, núm. 93, 03/08/1864; El Buscapié: periódico satírico de noticias y anuncios, ano II, núm. 52, do 28/04/1867; La Crónica: periódico de noticias y anuncios, ano I núm. 4, 03/11/1872; La Ilustración Gallega y Asturiana: revista decenal ilustrada, núm. 11, 20/04/1879; La Ilustración Gallega y Asturiana: revista decenal ilustrada, núm. 6, 28/02/1881; El Independiente, ano I, núm. 52, 02/10/1881; Crónica de Pontevedra, ano I, núm. 60, 13/07/1886; Crónica de Pontevedra, ano I, núm. 134, 11/10/1886; El Látigo, ano III, núm. 12, 01/07/1889; El Lucense, núm. 1.418, 06/07/1889; La Opinión, ano I, núm. 123, 01/07/1896; La Correspondencia Gallega, ano IX, núm. 2.293, 23/08/1897; El Diario de Pontevedra, ano XXVI, núm. 7.530, 17/06/1909; El Diario de Pontevedra, ano XXVII, núm. 7.724, 07/02/1910; El Diario de Pontevedra, ano XXVII, núm. 7.748, 8/03/1910; El Progreso, ano IV, núm. 166, 13/03/1910; El Diario de Pontevedra, ano XXIX, núm. 8.368, 3/04/1912; La Correspondencia Gallega, ano XXIV, núm. 6.627, 05/04/1912; Mondariz, suplemento a La Temporada, ano I, núm. 7, 20/12/1915.
Ernesto VÁZQUEZ-REY FARTO
Imaxe de portada: Rúbrica e sinatura de Valentín García Escudero como notario.