DECLARACIÓN INSTITUCIONAL SOBRE OS USOS DO PAZO DE LOURIZÁN
A parroquia pontevedresa de Lourizán, co seu Pazo á cabeza, foi un punto neurálxico da actividade política e social dende mediados do século XIX a case o primeiro cuarto do século XX, polo establecemento nel da residencia estival de Eugenio Montero Ríos e da súa familia.
Este inmoble singular, que foi evolucionando ao longo de case corenta anos, obtivo o seu esplendor coa última remodelación en 1909, obra do proxectista Jenaro de la Fuente Domínguez, que fai do Pazo de Lourizán un grande monumento de estilo ecléctico.
O interior do Pazo foi decorado con obras de autores como Ovidio Murguía, Asterio Mañanós, Jenaro Carrero ou Joaquín Luque Roselló, convertindo o edificio nun monumento tanto pola súa arquitectura exterior, como tamén polas súas obras de arte, algunhas delas descoidadas no interior do Pazo actualmente.
A transmisión da propiedade polos herdeiros de Montero Ríos á Deputación Provincial de Pontevedra en 1943 levou aparelladas varias obras para a súa adecuación aos novos usos que destruiron parte das edificacións anexas ao Pazo, destruindo polo tanto, parte do patrimonio cultural galego, para sempre.
A Deputación Provincial de Pontevedra ten declarado 2017 como ‘Ano do Patrimonio’, sendo neste momento cando se negocia a instalación nas súas dependencias dun centro de investigacións forestais.
Por todo isto a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) manifestamos a nosa máis enérxica protesta por barallar calquera posibilidade que non sexa a restauración íntegra do Pazo de Lourizán para o seu debido uso público; por ser este un inmoble tan emblemático, para a historia de Galicia e mesmo de España, sen asumir que a ruinosa situación da propiedade se debe á deixación de funcións que a institución provincial -entre outras e por omisión- cometeu durante décadas.
Pontevedra, 13 de febreiro de 2017.
Imaxe destacada: © Juan Mejuto