A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra participa na campaña de crowdfunding que ten aberta o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, para implicar á cidadanía na restauración e estudo previo da obra “La Plaza de San Marcos en Venecia” (ca. 1723-1724), de Canaletto.

O autor foi o maior representante do xénero de vistas urbanas na Venecia do século XVIII. A través delas, amósanos grandes perspectivas da cidade e arredores cun detalle semellante ao da fotografía. Pezas coma esta foron moi cotizadas entre viaxeiros e amantes da arte de determinados sectores.
O cadro é unha das obras máis representativas de Canaletto e, sen dúbida, a máis importante do autor en calquera colección dun museo español. Aínda que Canaletto pintou este lenzo con só 26 anos, reflexou nel as características principais do seu estilo. O punto de vista elevado permite un encadre máis amplo, mentres que as liñas horizontais formadas polas fachadas de San Marcos e o Pazo Ducal contrasta enormemente coa verticalidade do campanile e as Procuradorías, que situadas a ambos lados dan profundidade á perspectiva. Ademáis, a minuciosidade na execución de tódolos elementos axuda a crear o ambiente da escena.

A adhesión a esta iniciativa, proposta polas Seccións de Patrimonio e Bens Culturais e Creación e Investigación Artística, supón a primeira colaboración da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra nunha actividade de ámbito estatal. Dende o Consello reitor da AMUPo sinálase, ademáis, a necesidade de revalorizar a propia colección do Museo de Pontevedra, na que se pode relacionar algunha pintura como a “Vista de Venecia: Riva degli schiavoni hacia San Marcos“, de William James, datada na segunda metade do século XVIII.