O Plenario da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra escolleu por unanimidade, na tarde de hoxe, a Ernesto Vázquez-Rey como novo presidente da entidade; sucedendo no cargo a Ciara Cabodevila e a Valentín Paz Andrade, primeiro presidente da entidade.

Vázquez-Rey, que xa viña sendo o secretario xeral da AMUPo dende 2014, foi o candidato proposto para ocupar a presidencia polo Consello Reitor saínte. Na súa nova función, que compaxinará coa coordinación da Sección de Pensamento, Memoria e Sociedade, estará acompañado por Eloy Martínez -como vicepresidente-, Jorge Barrecheguren -como secretario xeral-, Teresa Del Préstamo -como tesoureira-, Ángel Arcay -como coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais-, Ciara Cabodevila -como coordinadora da Sección de Creación e Investigación Artística- e Cristina Quinteiro -como coordinadora da Comisión de Publicacións-.
Na presentación das liñas de actuación do novo período (2018-2022), o presidente avanzou a solicitude de integración das Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra na Asociación de Amigos dos Museos de Galicia e na FEAM (Federación Española de Amigos dos Museos), “para que o Museo de Pontevedra e as súas importantísimas coleccións, estean presentes no tecido cultural, a través da súa asociación de amigas e amigos, tanto do país como do Estado español”.
A nova dirección da entidade marca como liñas estratéxicas de traballo, entre outras: incentivar a actividade investigadora e de divulgación da AMUPo; velar pola protección patrimonial e natural no ámbito galego; continuar a investigación no Pazo de Lourizán, promovendo a súa declaración como Ben de Interese Cultural; incrementar o número de amigas e amigos do Museo de Pontevedra; recuperar a labor das Comisión de investigación abertas no anterior período -sobre as obras de rehabilitación do Edificio Sarmiento e sobre a integración de arquivos e bibliotecas entre o Museo e o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación- á que se engade outra sobre a sustracción da paisaxe de Lino Martínez Villafínez.
No marco do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018 a AMUPo celebrará o I Congreso sobre Patrimonio Cultural: Investigación, Protección e Divulgación, que se celebrará a finais de ano.
Para pechar o plenario, o novo presidente escolleu unhas palabras de Francisco Javier Sánchez Cantón, a respecto da protección do patrimonio cultural:
“É preciso reaccionar, convencendo aos ben intencionados e vencendo a quen actúan ao ditado do odio, ou do interese. O día no que as xentes vexan como as pedras vellas merecen atención e vixiancia, cando se persuadan de que valen, e que ata producen; cando comproben que vivir nunha casa antiga e nun barrio histórico, sobre non carecer de nada, ten o premio do sosego, cobizábel no trafego cidadán, alcanzaremos colaboración abundante e entusiasta para esta empresa sentimental e utilitaria.
E esta, amigas e amigos, é a nosa empresa”.