A piques de se cumprir o 32 aniversario do pasamento de Antonio Odriozola Pietas (1911-1987), o salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acolleu na tarde de onte o acto de homenaxe titulado: “30 anos sen Antonio Odriozola. Vixencia do seu legado”.

O acto, promovido e organizado pola Asociación de Amigos de Antonio Odriozola e a AGAXET (Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo), contou coa colaboración da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra e de Hifas da Terra.

As tres intervencións da mesa -a cargo de Francisco J. Fernández de Ana Magán, Guillermo Campos Piñón e Carlos Valle Pérez– versaron sobre as diversas facetas vitais e profesionais de Odriozola e conduciron a xornada a través das propias vivencias e da relación persoal co homenaxeado e, tamén, coa súa viúva, Dolores Casalderrey.
A paixón pola bibliografía especializada en materia gastronómica, litúrxica, micolóxica ou biolóxica de Odriozola foi o que permitiu que o Museo de Pontevedra conserve na súa biblioteca un inmenso legado material que se mantivo íntegro, grazas ás xestións do propio Guillermo Campos, de Alfonso Zulueta de Haz e de Carlos Valle, recentemente nomeado -ao tempo- director do Museo, coa viúva de Odriozola, en 1988. Esta recibíu unha pensión vitalicia a cambio da entrega ao Museo de Pontevedra de toda a colección.
No propio acto o presidente da Asociación de Amigos de Antonio Odriozola e da AGAXET, Guillermo Campos, anunciou a creación dun Seminario Antonio Odriozola, que de xeito permanente inserte na programación cultural pequenas xornadas de reflexión e divulgación das diversas facetas estudadas por Antonio Odriozola. “A este respecto, a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra poderá prestar a súa colaboración, en función da nosa propia programación, de sermos convidados a participar pola AGAXET e a Asociación de Amigos de Antonio Odriozola; xa que a eles corresponde a oportuna programación e organización”, como indicou Ernesto Vázquez-Rey, presidente da entidade, que actuou como moderador da mesa no acto de homenaxe, nos días previos ao mesmo.
Ao tempo, o presidente da AMUPo lembrou a especial vinculación de Antonio Odriozola co padroado do Museo de Pontevedra, no que ingresou en 1967, e agradeceu -especialmente- a participación no acto do ex director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, apuntando que “é unha persoa sen a cal non se entendería a cultura deste país” e que “non pasará moito tempo para saber a perda que supón para todos nós non ter gozado del, como director do Museo, durante máis tempo”.