Na tarde do martes 12 de setembro o vicepresidente provincial e titular do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, recibíu no Pazo provincial a Ernesto Vázquez-Rey e Mateo Fontán, presidente e vicepresidente -respectivamente- da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra.
No encontro os representantes da AMUPo ofreceron varias posibilidades de colaboración entre a entidade e a institución provincial, singularizadas na difusión dos contidos e programas do Museo de Pontevedra, no complemento ás investigacións, catalogación e descrición dos bens culturais, a realización de publicacións científicas e, na medida do posible, a organización conxunta de actividades de divulgación cultural e patrimonial.
Asimesmo, de forma propositiva, a AMUPo trasladóulle ao vicepresidente Domínguez a necesidade de reformular o actual Consello Asesor do Museo de Pontevedra, reconvertíndoo nun órgano vivo -do que a AMUPo tamén sexa parte- que sirva para canalizar as propostas, consultas e posibles accións de mellora que correspondan tanto aos distintos servizos, procesos técnicos e desafíos que afronta a institución museística.
No marco desta reunión tamén se abordou a problemática existente co acceso e funcionamento da Sala de Investigación do Museo, motivo polo que Vázquez-Rey formalizara unha queixa días atrás.
Dende a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra valórase moi positivamente o encontro co vicepresidente Domínguez e o seu interese en escoitar e coñecer tanto os temas tratados como outros que se irán abordando, xunto ao compromiso de manter o contacto entre ambas entidades en beneficio do tecido cultural da cidade e do Museo de Pontevedra.
