Jesús García Naveira | Juan García Naveira

Juan María García Naveira. Betanzos (A Coruña), 16.V.1849 – 9.III.1933. Jesús Andrés Francisco García Naveira. Betanzos (A Coruña), 14.VI.1853 – San Nicolás de los Arroyos (Arxentina), 24.III.1912. Empresarios e filántropos.

De orixe humilde, fillos do matrimonio de campesiños formado por José García Camposa e Joaquina Andrea Naveira López, os irmáns García Naveira formaban parte da familia coñecida co sobrenome dos Subela.

Ao igual que moitos outros galegos, decidiron emprender o camiño da emigración, atravesando o océano con destino á República Arxentina onde se instalarían ata o seu regreso en 1893. O primeiro en partir tería sido Jesús García Naveira, en 1868, un ano antes que o seu irmán maior. A súa estancia americana estivo localizada na cidade de Bos Aires e na de San Nicolás de los Arroyos, onde emprenderon diferentes actividades comerciais que os levarían a amasar unha grande fortuna económica, ao tempo que seguían incrementando a súa formación.

As escasas fontes documentais non permiten coñecer ao detalle a súa evolución económica e social no país de acollida. Non obstante, ao pouco da súa chegada, o G dos García xa decoraba a fachada do bonaerense Palacio de Alsina xunto ao S de Sangrador, o seu primeiro socio comercial. Dita sociedade, á que se irían engadindo outros empresarios como os Etchegaray ou os Arriarán, foi unha das causas da súa inmensa fortuna. O éxito económico tamén se explica a través dos seus enlaces matrimoniais, casando Juan con María Iribarne Lascort –coa que tivo tres fillos: Joaquina, Águeda e Juan Jesús– e Jesús con Carmen Etcheverría e Olaverri, coa que non chegou a ter descendencia.

Ademáis das actividades comerciais e de venda ao por menor, ou o avance social logrado cos seus respectivos matrimonios, tamén a compravenda de terreos polos que acabaría pasando o ferrocarril arxentino á costa explicarían a súa grande fortuna económica.

Logo de regresar en 1893, e despois dunha breve estancia en Madrid e A Coruña, Juan García Naveira estableceu a súa residencia no centro de Betanzos cunha casa construída polo arquitecto Juan de Ciórraga, onde residíu dende 1900. Pola súa parte, Jesús García Naveira mantivo unha intensa actividade comercial como conselleiro do Banco Español del Río de la Plata, da sociedade anónima El automóvil ou ligado a dúas compañías de seguros, a Hispano-Argentina e a Franco-Argentina, que o levaron a vivir a cabalo entre América e Europa.

Dende o seu asentamento definitivo na cidade do Mandeo, ambos irmáns comezaron a desenvolver un intenso labor filantrópico a favor dos seus veciños de Betanzos. Para isto centráronse, sobre todo, en tres dos colectivos máis desprotexidos do momento: o dos nenos, o das mulleres e o dos anciáns. Comezaron creando unha escola para os fillos dos traballadores que formaban parte das sociedades obreiras e de agricultores confederados. Acto seguido, en 1902, inaugurarían un lavadoiro público gratuíto, cuberto e con todas as necesidades para protexer ás mulleres que se gañaban a vida lavando a roupa nas frías marxes do río Mendo.

En 1908 crearon o Patronato Benéfico-Docente dende o que cordinar a súa obra máis representativa, a do edificio conxunto das Escuelas y Asilo García Hermanos, obra do arquitecto Ricardo Boán e Callejas. A obra inauguróuse en novembro de 1912 mais Jesús García Naveira non chegou a ver a súa apertura xa que faleceu en marzo dese mesmo ano nun accidente de automóvil en Arxentina. A xestión correu a cargo da congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, mentres que a escola foi un dos exemplos educativos máis avanzados da zona, seguidora dos preceptos da Institución Libre de Enseñanza e cun profesorado adaptado a todos os recursos cos que os irmáns García Naveira decoraron o local, que contaba cun museo pedagóxico e con innovacións traídas de medio mundo.

O Concello de Betanzos solicitou en agradecemento ao seu labor filantrópico a Grande Cruz da Orde Civil en Beneficencia, outorgada por Alfonso XIII únicamente a Juan García Naveira por ter falecido Jesús antes da súa concesión definitiva.

Grazas a varias partidas económicas cedidas no legado ológrafo do irmán pequeno, construíronse en Betanzos as Escuelas Jesús García Naveira, no antigo claustro do convento de San Francisco; e a Casa del Pueblo, reformando baixo a dirección do arquitecto Rafael González Villar unha antiga vivenda do centro da cidade. Para a concesión desta aportación, as sociedades obreiras brigantinas tiñan a obriga de aliarse na chamada Unión Obrera, para poder dispoñer desta obra filantrópica que sería incautada polo bando franquista durante a Guerra Civil.

Juan García Naveira continuou coas obras benéficas despois do falecemento do seu irmán, edificando pola súa conta un segundo lavadoiro, anexo ao anterior; a escuela o refugio para niñas anormales (escrofulosas, raquíticas, mudas, cojas y paralíticas), cuxa xestión foi encomendada ás Hermanas Hospitalarias del Sagrado Corazón de Jesús; o Sanatorio de San Miguel, no que acoller ás relixiosas enfermas da congregación das Hermanitas de los Ancianos Desamparados; realizou tamén melloras no quirófano do Hospital de San Antonio betanceiro e foi o encargado de levantar, ás aforas da cidade, o parque del Pasatiempo.

Este xardín, coñecido tamén como a huerta de don Juan, tratábase dun recinto de máis de noventa mil metros cadrados, profusamente decorado con fontes, estanques, vexetación e estatuas que aleccionaban ao visitante en cuestións de todo tipo, dende a liberdade e a tolerancia a cuestións como a política ou a historia. Este parque pode funcionar como unha extensión máis do museo pedagóxico das escolas, como un xardín iniciático; como un predio-museo, como así o denominaba a prensa da época grazas ás numerosas referencias artísticas que o decoraban; ou como un parque enciclopédico, en palabras do intelectual Luis Seoane, xa que Juan García Naveira parecía querer recrear neste recuncho todo o que vira coas súas viaxes polo mundo para deleite dos seus veciños.

Co falecemento de Juan García Naveira en 1933, o parque del Pasatiempo caeu no esquecemento e a Casa del Pueblo foi incautada, mais o resto das súas obras mantiveron unha actividade destacada ata finais do século XX, transformando por completo a cidade de Betanzos.

Bibliografía: S. de la Fuente, “García Naveira, Juan y Jesús”, en Gran Enciclopedia Gallega, Santiago de Compostela, 1980, pp. 193-198; S. de la Fuente, “Los hermanos García Naveira y sus fundaciones”, en Anuario Brigantino, 22 (1999), pp. 394-434; X. Torres Regueiro, “A emigración betanceira a América a través dos expedientes do Arquivo Municipal (1867-1907)”, en Anuario Brigantino, 35 (2012), pp.185-208; Á. Arcay Barral, Y. Duo Suárez y J. Souto Santé, El Parque del Pasatiempo de Betanzos, Betanzos, 2020.

Ángel ARCAY

[Biografía publicada no Diccionario biográfico español da Real Academia de la Historia]


Imaxe da portada: Composición a partir dos retratos dos irmáns García Naveira, publicados en “Programa de las Fiestas en honor al glorioso San Roque: que se celebrarán en la ciudad los días 15, 16, 17 y 18 de agosto de 1908”, A Coruña, 1908.