A ENTIDADE

Como en calquera outra institución museística, o colectivo de Amigas e Amigos fóise formando inmediatamente despois da fundación do Museo de Pontevedra e da súa instalación no corazón da zona histórica de Pontevedra, cuxas portas abriron ao público o 10 de agosto de 1929, na véspera da festividade da Virxe Peregrina.

Arredor dun xenuíno proxecto cultural, con epicentro na vila de Pontevedra mais con vontade universal, foron moitas as persoas que dende os primeiros anos se sumaron a colaborar co incipiente Museo. Doazóns e depósitos, unidos ás adquisicións propias e aos legados testamentarios, fóronse dispoñendo nos diferentes espazos, ata sumar xa seis edificios: -1- a Casa Castro Monteagudo, -2- o Pazo dos García Flórez, -3- as Ruínas de San Domingos, -4- o Edificio Fernández López, -5- o Edificio Sarmiento e -6- o Sexto Edificio.

Membros do Padroado do Museo de Pontevedra con amigas e benfeitoras do Museo con motivo da instalación das Salas Navais en 1943.

Na imaxe coinciden persoas vinculadas á historia do Museo como Xosé Filgueira Valverde, Daniel de la Sota, Juan Argenti ou as irmás María e Concha de Mendoza Babiano.

© Foto Novás, Arquivo gráfico, Museo de Pontevedra.

Andando o tempo, o aumento das coleccións e do espazo museístico, en boa medida pola intercesión das persoas colaboradoras, levou a formalizar o colectivo de Amigos del Museo, como espazo de intercambio de coñecemento e dación de contas por parte do Padroado do Museo, elixindo como primeiro presidente ao egrexio galeguista, Valentín Paz Andrade.

O paulatino pasamento daquel grupo de intelectuais e a progresiva perda de autonomía do Museo de Pontevedra, en favor da Deputación provincial, fixo que un novo grupo de persoas vinculadas ao Museo e ás distintas Universidades galegas tomaran o relevo en forma de Consello reitor da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, refundada en 2014.

Na imaxe: Santiago Piñeiro, Ciara Cabodevila, Ernesto Vázquez-Rey e Eloy Martínez, parte das persoas que retomaron o labor das Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra; coincidindo coa exposición dedicada a Castelao en 2016.

© Foto Miguel Vidal, Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra.

Así, as Amigas e Amigos do Museo tratan de complementar a actividade do propio Museo de Pontevedra, especialmente no ámbito da investigación, catalogación e transferencia de coñecemento ao público xeral, conscientes de que o Museo de Pontevedra é unha institución pública de referencia, cuxo patrimonio se debe preservar e acrecentar para as xeracións vindeiras.


Las generaciones no son más que depositarias y usuarias del arte que heredan; destruirlo o dejarlo perder es defraudar el caudal de la generación siguiente; el único caudal que, una vez perdido, es irrecuperable.

Francisco Javier Sánchez Cantón, 1936.