Neste 18 de maio, Día Internacional dos Museos, a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra queremos sumarnos á iniciativa do ICOM, adicada este ano aos Museos e Paisaxes Culturais.
Unha paisaxe cultural é un espazo en constante evolución, -en palabras do ICOM- o tema Museos e Paisaxes Culturais presupón unha forma de responsabilidade dos museos coa paisaxe da que forman parte, á cal poden facer a súa aportación de coñecementos e competencias propias, sendo protagonistas da súa xestión e bo mantemento.
A misión principal dos museos é velar polo patrimonio, xa estea dentro ou fóra dos seus muros. A súa vocación natural é a de ampliar o seu cometido e multiplicar a súa actividade no campo do patrimonio cultural e da paisaxe que os contorna, da cal poden asumir a súa responsabilidade en diversos graos.
Á visión do museo adicado á conservación, exposición e comunicación sobre as súas propias coleccións súmaselle outra máis respectuosa co territorio no que se asenta, así, resaltar o vínculo existente entre os museos e o patrimonio cultural é tamén resaltar a idea do museo como núcleo territorial na protección activa da propia paisaxe cultural.
En xuño de 1936, co gallo da aprobación polas Cortes da IIª República española dunha Lei de asignación de crédito para a consolidación de monumentos en todo o Estado, Francisco Javier Sánchez Cantón -cofundador deste Museo de Pontevedra- dirixíuse en emisión radiofónica ao público, sendo subdirector do Museo do Prado.
A seguir, reproducimos as súas palabras, que asumimos como propias na nosa acción presente e futura, porque revestidas de toda vixencia, poideran ter sido escritas especialmente para o día de hoxe:
“As xeracións non son máis que depositarias e usuarias da arte que herdan; destruila ou deixala perder é defraudar o caudal da xeración seguinte; o único caudal que, unha vez perdido, é irrecuperábel. A bárbara corta, ou o máis bárbaro incendio dun bosque poden remediarse ao pasaren décadas, porque crezan de novo e se entrecrucen outras frondas; mais unha obra de arte destruida xamáis renace. Por ser ordenación sutil de masas, de alíneas, de cores, cando se desorganiza, morre de todo se é unha pintura, case de todo se é unha escultura e se é arquitectura, convértese en ruína, vergoñento pregón de incultura ou desidia, cando recente, vaga sombra e apariencia poética do que foi, cando os séculos patinan sobre ela e a vexetación cubre as súas chagas.
Mais, non basta non destruir, nin basta respectar pasivamente: os monumentos antigos piden coidado continuo e intelixente; son valetudinarios necesitados de asistencia e de amor para perdurar. Atención, asistencia, coidados; pero case nunca a restauración a fondo que destrúe, ou alomenos desfigura a fisionomía venerábel con remozamentos imposíbeis. Monumentos hai que causan a traxicómica impresión desas anciás falsamente rexuvenecidas por aceites, tinturas, postizos ou a pel cirúrxicamente tersa. Os monumentos deben consolidarse, deben repararse, tendo como norma aquel aforismo de Goya, que un día estará escrito en todos os talleres e en todas as obras de restauración do mundo: O Tempo tamén pinta.”
“Normas e, máis que normas, arcaicos prexuízos pseudourbanísticos, acantoados xa nas nacións máis adiantadas; mais actuantes aínda en moitas localidades de España, teñen declarada guerra a morte a murallas, casas, igrexas e conxuntos. Ideas simplistas, ou megalómanas, nacidas no cine ou na lectura de cartas de América moven a opinión, afanada por ter rúas anchas e rectas, cando o clima e a historia fixéronas estreitas e curvas; por habitar en casas de múltiples plantas, cando o ensanche nada costa. Outras veces o mal reviste os perigosos síntomas de amor e predilección “excesivos” por un monumento, que se manifesta no erróneo empeño de aillalo para que luza, sen pensar en que, ao mellor construíuse para estar rodeado de edificacións e que, dende logo, producía encanto e emoción crecentes ilo adiviñando e descubrindo entre canellas e sobre tapias e tellados.
Contra erros tales é preciso reaccionar, convencendo aos ben intencionados e vencendo a quen actuan ao ditado do odio, ou do interese. O día no que as xentes vexan como as pedras vellas merecen atención e vixiancia, cando se persuadan de que valen e que ata producen, cando comproben que vivir nunha casa antiga e nun barrio histórico, sobre non carecer de nada, ten o premio do sosego, cobizábel na trasfega cidadá, alcanzaremos colaboración abundante e entusiasta para esta empresa sentimental e utilitaria.”
Pontevedra, 18 de maio de 2016