A AMUPo, nova amiga da FEAM

No número 42 da Revista da FEAM (Federación Española de Amigos de los Museos, outono 2019), baixo o título Emoción, identidad y fidelización: el desafío de los Amigos, inclúese á Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, logo do seu ingreso oficial na Federación na Asemblea Xeral, celebrada en Girona, en abril de 2019.

Revista FEAM 2

Esta publicación, accesible dende o perfil de ISSUU da FEAM, publica unha breve presentación da AMUPo, así como da nosa misión, visión e obxectivos:

A Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra renace en 2014 para dar continuidade ao colectivo de Amigos do Museo de Pontevedra, que creara José Filgueira Valverde -sendo director da institución museística-, nun momento de inestabilidade institucional no que o Museo acababa de verse privado do padroado que o rexera dende a súa fundación en 1927.

Obxectivos

Entre os obxectivos da AMUPo está axudar á misión fundacional do Museo, en canto ao incremento e complemento das súas coleccións, e a súa difusión entre a sociedade; sen esquecer o estudo e a investigación previa que realiza.

Actividades

A nosa actividade, aínda que modesta, non deixou indiferente á sociedade galega. Tanto os distintos congresos, seminarios e estudos, como a publicación de Quórum: Revista de Artes, Letras e Ciencias Sociais e Xurídicas, serviron para achegar un pouco máis a historia e o patrimonio que nos rodea ás persoas que o disfrutan a diario.

Por qué facerse Amigo da nosa Asociación?

Facerse Amigo do Museo de Pontevedra supón ampliar o coñecemento sobre os vastos e ricos fondos dun Museo que xa conta con seis edificios na zona monumental da cidade, e que nos permiten viaxar dende a prehistoria ata a actualidade.