Baixo o título “Produtos da antiga fundición de Sargadelos: un patrimonio galego por localizar“, o historiador da Arte, Daniel Lucas Teijeiro Mosquera, impartirá unha conferencia na Casa das Campás de Pontevedra o vindeiro martes, 12 de novembro.
Co obxectivo de coñecer e valorizar os produtos da Real Fábrica de Fundición de Sargadelos, como pioneira das fundicións en Galicia, a exposición recolle as principais conclusións dunha vasta investigación documental, tradición oral, revisión bibliográfica e traballo de campo, realizado dende marzo de 2018.
Esta actividade está encadrada no Congreso sobre Patrimonio Cultural, organizado pola Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra e a Asociación Cultural e de Fomento da Investigación Julián Malvar, e realizarase en relación coas actividades culturais arredor do 16 de novembro, en conmemoración do Día Internacional do Patrimonio, instituído pola UNESCO, como efeméride da sinatura da Convención sobre o Patrimonio Mundial Cultural e Natural, en 1972.