Comunicado da AMUPo sobre as acusacións realizadas contra o presidente da entidade

O Consello Reitor da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra queremos amosar o noso apoio ao presidente da entidade, Ernesto Vázquez-Rey Farto, polas durísimas acusacións realizadas contra el no Diario de Pontevedra de onte, 08/11/2019. Nunha valoración reflexiva, realizada esta mañá, queremos poñer de manifesto o seguinte:

A actividade pública da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, non contén relación algunha coa vida privada do noso presidente, constituíndo a actuación xudicial aludida, dunha forma sesgada, distorsionada e incompleta, un asunto puramente familiar, resolto mediante un acordo extraxudicial asinado en febreiro de 2019; sen que isto interferira nunca na actividade da AMUPo.

– Dende a disolución ilegal do Museo de Pontevedra como Organismo Autónomo Local, Ernesto Vázquez-Rey tense destacado por defender vehementemente a autonomía da institución cultural, sendo impulsor da Comisión en defensa do Museo de Pontevedra, primeiro, e desta Asociación, despois.

– Durante os últimos meses, con máis intensidade, o noso presidente veu sendo obxecto de persecución e hostigamento, por parte da Deputación provincial de Pontevedra, así como da xefa de Xestión do propio Museo, co visto e prace do director técnico, polo que se interpuxo unha queixa na Secretaría xeral da Deputación, en xullo de 2019, e que estando pendente de resposta pola institución provincial, foi elevada á Valedora do Pobo hai escasas semanas.

– Ademáis, do anterior, o noso presidente promoveu no mesmo mes de maio de 2019 un expediente diante da Comisión de Transparencia de Galicia, quen obrigou á Deputación de Pontevedra a entregar unhas actas que ata o momento están desaparecidas. O noso presidente sostivo dende entón a desaparición intencionada destes documentos públicos, tendentes á ocultación dun proceso de destrución de determinada documentación do Museo, de forma ilegal.

– Como colofón a todo o anterior, esta Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra presentou un día antes da publicación da nova indicada unha demanda contra a Deputación de Pontevedra, no Xulgado do Contencioso-Administrativo, núm. 2, de Pontevedra, a causa da selección fraudulenta do actual director técnico da institución, por non ter a Deputación provincial ningunha competencia legal sobre o Museo de Pontevedra, como sempre sostivemos.

Por todo isto, queremos sinalar o oportunismo da publicación da nova, que para nada é veraz nin de actualidade e a persecución á que está sendo sometido o noso presidente, pola súa férrea defensa da autonomía do Museo de Pontevedra.