O futuro dos Museos: recuperar e reimaxinar

Versión en castellano

Co gallo do Día Internacional dos Museos 2021 as Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra propoñémonos cumprir co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 11.4 da Axenda 2030 e contribuír a salvagardar o patrimonio cultural e natural, na medida das nosas posibilidades.

O proxecto

Detalle do Diploma dado a Casto Méndez Núñez (1867). © Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra

Conseguimos rescatar dun coñecido anticuario vigués un diploma polo que se concedeu o título de socio de honra da Real Sociedad Económica de Santiago de Cuba ao contralmirante galego Casto Méndez Núñez.

Ti podes axudarnos a financiar a adquisición do documento, apadriñando unha parte da obra, polo que poderás recibir diversas recompensas e convertirte nun mecenas do Museo de Pontevedra, institución á que se doará o documento para completar a Colección Méndez Núñez – Mendoza Babiano.

O documento

Diploma concedendo o título de socio de honra a Casto Méndez Núñez na Real Sociedad Económica de Santiago de Cuba (1867). © Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra

O diploma constata a admisión de Casto Méndez Núñez, Xefe de Escuadra -naquel momento-, na Real Sociedad Económica de Santiago de Cuba, co grao de socio de honra, en recoñecemento aos seus méritos navais na Guerra do Pacífico. O documento está datado en Santiago de Cuba, o 9 de abril de 1867, e asinado pola Xunta Directiva da Corporación. Ao pé do mesmo incorporóuse un selo seco con follas de protección troqueladas.

As recompensas

  • Por unha aportación de 5 €, recibirás unha reprodución en alta calidade do diploma.
  • Por una aportación de 10 €, recibirás a reprodución en alta calidade do diploma máis unha bolsa de tea cunha ilustración dedicada a Casto Méndez Núñez.
  • Por unha aportación dunha cantidade superior, recibirás o xa indicado anteriormente máis unha carta de agradecemento personalizada.

En calquera das tres situacións, farase constar o nome e apelidos -ou denominación- na relación de mecenas que posibilitaron a adquisición da obra para o Museo, se nos autorizas expresamente.

Ao peche da campaña de crowdfunding xestionaranse as recompensas. Para calquera dúbida ou aclaración non dubides en enviar un correo-e a contacto@amupontevedra.gal.

A colección

En 1971 falecían en Pontevedra as irmás María e Concha de Mendoza Babiano, sobriñas-netas do contralmirante Casto Méndez Núñez. A inexistencia de herdeiros forzosos producíu a apertura dun proceso de ab intestato no que se declarou ao Estado como herdeiro dos bens, distribuíndoos entre o Conservatorio Elemental de Música de Pontevedra, o Museo de Pontevedra, o Hospital Provincial, a Casa Asilo de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados de Pontevedra, o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, o Museo Naval de Madrid e a Biblioteca Nacional de España. Ademáis, obxectos e xoias foron subastadas e adquiridas tanto por particulares como polo propio Museo de Pontevedra, que conserva a maioría dos bens.

A Colección Méndez Núñez – Mendoza Babiano recolle a documentación persoal e patrimonial da familia, a súa correspondencia, e un grupo de documentación variada na que se inclúen debuxos, cadernos de notas e artigos de prensa. Ademáis, o Museo de Pontevedra conserva varios vestidos das mulleres da familia, xoias e mobles procedentes do Palacete familiar.


FAI unHa aportaciÓn:

Elixe unha cantidade

€5,00
€10,00
€15,00

Ou indica a cantidade que desexes


Agradecemos enormemente a túa contribución.

APORTAR