O Concello de Castro Caldelas (Ourense) vén de aceptar unha recomendación feita pola Valedora do Pobo, dona Milagros Otero, sobre a conservación do Castelo de Castro Caldelas; inmoble que fora declarado BIC, por Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o 14 de maio de 1997, após a súa cesión para uso público pola Casa de Alba.

Esta recomendación pon fin a un expediente de denuncia efectuada polo secretario da Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra -AMUPo-, Ernesto Vázquez-Rey, quen solicitou a intervención da institución do Valedor do Pobo dado o mal estado de conservación dalgunhas zonas do Castelo, así como para chamar á atención sobre os materiais empregados nas súas distintas fases de restauración; non gardando, nos máis dos casos, nin a máis mínima sensibilidade estética para co conxunto patrimonial.
No informe presentado polo Concello de Castro Caldelas á Valedora do Pobo, como informa a mesma, a entidade municipal responsabiliza das obras denunciadas ao goberno autonómico e coincide coa AMUPo en que a restauración levada a cabo foi agresiva e non contou cos materiais máis axeitados.
Así, a Valedora do Pobo recomendou ao Concello de Castro Caldelas a comunicación á Xunta de Galicia da situación actual do inmoble e a solicitude dun Plan Director que sirva de guía para futuras intervencións no Castelo.
Dende o Consello Reitor da AMUPo celebramos a conclusión deste expediente e agardamos que o Concello de Castro Caldelas cumpra coa recomendación.
Consulta os diferentes documentos do expediente:
25/03/2016 → Queixa presentada á institución do Valedor do Pobo.
28/03/2016 → Acuse de recibo da queixa.
05/04/2016 → Admisión a trámite da queixa presentada.
17/06/2016 → Informe remitido polo Concello de Castro Caldelas á Valedora do Pobo.
26/07/2016 → Oficio de comunicación ao Concello de Castro Caldelas sobre a recomendación formulada pola Valedora do Pobo.
23/09/2016 → Conclusión da queixa presentada á institución do Valedor do Pobo.